viernes, 18 de noviembre de 2011

Presentación da publicación "A desalambrar"

A toda présa e cun pouco de retraso, onte saiu ás rúas de Tui o número cero da publicación "A Desalambrar", fundada por diversos compañeiros de AcampadaTui.
Queda dispoñible en formato PDF aquí (9MB).

“A desalambrar” aparece co desexo de ser un estilo diferente de informar. Esta nova publicación trata de acercarse a unha parte da realidade que, por todos coñecida, case sempre resulta de difícil acceso.
A política e os cidadáns teñen, na nosa sociedade, unha relación unidireccional. A saber, os cidadáns conceden o poder, bendita democracia, e os políticos dedícanse a xestionar as cousas de palacio. Ata a seguinte campaña electoral, dos políticos só sabemos polos gabinetes de comunicación e as rodas de prensa pactadas.
Así as cousas, resulta que o domingo 20 de Novembro é un deses momentos nos que o pobo vai elixir ao capitán da nave. Todos somos conscientes da gravísima crise económica que estamos a vivir. O 20N, polo tanto, non vai ser un presidente máis o que elixirán os cidadáns. Seguramente, son as eleccións mais importantes da democracia española.

Desde o respecto absoluto por tódalas opcións democráticas e co convencemento total de que só as decisións do pobo lexitiman a un goberno, “A desalambrar” chama a un exercicio serio e esixente do poder democrático que recae sobre a cidadanía. Votar é un dereito irrenunciable, pero tamén é un compromiso moral co resto dos cidadáns. O compromiso, hoxe, é identificar e sacar do poder aos dirixentes que nos levaron á depresión económica. Non esquezamos que teñen pensado continuar na mesma liña.
Desde os anos 80, en España o poder está controlado polos dous partidos maioritarios. Sendo diferentes, teñen en común, sorprendentemente, a política económica. O modelo económico español, ladrillo+crédito+servizos, implantouse co presidente González, foi perfeccionado polo presidente Aznar e culminado polo presidente Rodríguez Zapatero. Aconteceu o mesmo en Grecia, Portugal, Irlanda, Italia...e os que veñen atrás.

As cousas, cando van mal, tenden a ir peor. É necesario invertir a dinámica para evitar unha degradación maior das nosas comunidades. Todos vemos os síntomas dese deterioro e os partidos maioritarios están a aplicar políticas que amplificarán eses problemas.

O 20N, os españois non só elixirán un parlamento, tamén decidirán en que tipo de estado van a vivir no futuro. E cando se trata de enfrontar situacións difíciles que afectan a grupos, a experiencia e o sentido común mostran que canta máis xente e sensibilidades diferentes participen na resolución dos problemas máis fácil é atopar solucións.
“A desalambrar” denuncia a desmantelación do estado de benestar que está a ocorrer nestes momentos coa escusa da crise económica. A crise que estamos a sufrir é de orixe privada pois a débeda pertence aos bancos, ás grandes empresas do sector inmobiliario e aos particulares hipotecados. E os grandes partidos, aqueles que receben o apoio maioritario, ofrecen como única saída o rescate do gran capital (nacionalización das débedas) a conta dos impostos dos traballadores e as pequenas empresas.

No 20N, a cidadanía enfróntase a un exame de conciencia. Despois de 30 anos de democracia e unha devastadora crise social e económica, chega o momento de escoller en que tipo de mundo queremos vivir. Podemos seguir na liña actual de capitalismo financeiro especulativo onde o goberno está controlado polas elites económicas ou, recuperando o espírito da creación da Unión Europea, apostar por unha política plural que represente os intereses de todos os cidadáns.
O 20N, que o voto sexa digno dos esforzos e sacrificios que as persoas realizamos a diario para sacar a diante as nosas vidas. Bendita democracia.

1 comentario:

  1. Un pequeño añadido, se repartió gratuitamente no sólo por Tui, también por casi todo el Baixo Miño (Nina)

    ResponderEliminar