domingo, 27 de noviembre de 2011

"A actual situación de crise que estamos a sufrir", por acampadatui (artigo do nº cero de "A Desalambrar")

A actual situación de crise que estamos a sufrir, e as medidas que se están a tomar para tentar resolvela, son causa da aplicación dunha política económica que se está levando a cabo dende fai máis de 30 anos. Estamos recollendo o que levamos anos sementando cos nosos votos.

Cando, nos anos 80, acadan o poder partidos políticos de inspiración neoliberal (Margaret Thatcher en Reino Unido e Ronald Reagan nos Estados Unidos) comezan a xurdir diversas reformas económicas destinadas a modificar as regras do xogo. Deste xeito elimínanse normas financeiras (permitindo novas prácticas máis especulativas e arriscadas), deixa de regularse o mercado de traballo  e privatízanse empresas públicas, entre outros cambios.

A esta nova tendencia político - económica denomínase neoliberalismo.
O neoliberalismo é unha política económica que pretende reducir ao mínimo a intervención estatal en materia económica e social, baixo a defensa do libre mercado capitalista como mellor garantía do equilibrio institucional e o crecemento económico dun país.
O neoliberalismo propón que se deixe nas mans de empresas particulares actividades que antes realizaba o Estado.

Podemos dicir que a política macroeconómica neoliberal baséase nestes catro aspectos fundamentais:

1. Políticas fiscais restritivas, é dicir, aumento dos impostos sobre o consumo e redución dos impostos sobre a produción e a renda, e  diminución do gasto público, como exemplo.
2. Liberalización dos mercados, tanto para o comercio como para as inversións, mediante a falta de regulamento dos prezos e a libre circulación de capitais. Por iso temos no supermercado mazás da China máis baratas cás nacionais.
3. Privatizacións de empresas públicas, considera a teoría neoliberal que os axentes privados tenden a ser máis produtivos e eficientes cós públicos (como exemplo irónico pode servir a actual situación da banca privada, que ten que ser rescatada pola banca pública). Débese permitir ao sector privado que xere a riqueza.
4. Desregulación, considérase polos neoliberais que moitas regras frean a actividade económica e que unha redución a un mínimo necesario propicia un maior dinamismo dos axentes económicos. Con isto permítese que as empresas teñan parte da súa produción noutros países, e por iso temos na China nenos cosendo balóns.

As regras neoliberais vanse introducindo en España nos anos 80, co goberno de Felipe González, marcando o comezo dunha serie de privatizacións que foi aumentando nos anos 90 e especialmente no 96, baixo o goberno do ultraliberal José María Aznar. SEAT foi privatizada no ano 86, Telefónica entre os anos 87 e 96, Endesa no período 88 – 95, Repsol durante os anos 89 e 96, Argentaria do 93 ó 96… A liberalización e a non regulación  dos mercados tamén é patente a partir dos anos 80,   coas reformas laborais dos anos 1984 (xurde a temporalidade laboral), 1994 (nace o contrato basura), 1997 (pasamos dos 45 aos 33 días de indemnización por ano traballado), 2010 (máis facilidades para xustificar un ERE, pasamos dos 33 aos 22 días de indemnización por ano traballado) e a liberalización do sector aéreo (1993), do da telefonía (96), do mercado eléctrico (1997), do sistema ferroviario (2003)…como exemplo de políticas de carácter neoliberal aplicadas no Estado español dende os anos 80.
Zapatero recolleu a batuta do neoliberalismo, demostrándoo cando votou a favor da reelección do neoliberal Durao Barroso coma presidente da CE, e confirmándoo nestes últimos anos mediante a implantación de medidas neoliberais, como o límite de endebedamento imposto pola Constitución, o abaratamento do despido até os 22 días por ano e carácter retroactivo, votando en contra da aplicación da dación en pago (entregar a vivenda ao banco e saldar a débeda), defendendo a toda costa as axudas sen límite para os bancos,  estando a favor na maior parte das medidas que se votan no parlamento europeo (xunto co PP), e que rexen as economías neoliberais europeas…etc.

O neoliberalismo tende ao autoritarismo pola súa razón de ser, e estamos a comprobalo coa ditadura que os mercados exercen sobre os Estados. En España, o poder financeiro afianza o bipartidismo PP-PSOE (cada vez máis corrupto), mediante o control exercido sobre os medios de información, reducindo ao mínimo a vontade política cidadá, modificando o significado da democracia e pondo ao seu servizo a unha serie de políticos profesionais que teñen coma principal fin lucrarse a si mesmos e aos seus amos.

Procúrase por tódolos medios, e repítese até a saciedade, que hai que salvar o sistema. O sistema que destinou centos de miles de millóns de euros públicos para rescatar ao sistema financeiro privado. O sistema que obriga a reducir o gasto a costa dos cidadáns e non das grandes empresas, mediante o comezo da destrución da sanidade pública (como exemplo Cataluña), da educación (como exemplo Madrid), da redución do dereito dos traballadores (nova lei do despido)…O sistema que vive pendente das axencias de cualificación (privadas) e dos “mercados” (as grandes empresas). O sistema que até agora conseguiu xerar 5 millóns de parados, cunha porcentaxe do 40% de paro entre os máis novos. O sistema que non fai nada polos 150.000 desafiuzados que levamos até o de agora. O sistema que non ofrece un futuro mellor para case ninguén.O sistema que só mira para si, mentres en Somalia a xente morre de fame.
O día 20 de Novembro tes a oportunidade de continuar reafirmando este sistema no poder.


viernes, 18 de noviembre de 2011

Presentación da publicación "A desalambrar"

A toda présa e cun pouco de retraso, onte saiu ás rúas de Tui o número cero da publicación "A Desalambrar", fundada por diversos compañeiros de AcampadaTui.
Queda dispoñible en formato PDF aquí (9MB).

“A desalambrar” aparece co desexo de ser un estilo diferente de informar. Esta nova publicación trata de acercarse a unha parte da realidade que, por todos coñecida, case sempre resulta de difícil acceso.
A política e os cidadáns teñen, na nosa sociedade, unha relación unidireccional. A saber, os cidadáns conceden o poder, bendita democracia, e os políticos dedícanse a xestionar as cousas de palacio. Ata a seguinte campaña electoral, dos políticos só sabemos polos gabinetes de comunicación e as rodas de prensa pactadas.
Así as cousas, resulta que o domingo 20 de Novembro é un deses momentos nos que o pobo vai elixir ao capitán da nave. Todos somos conscientes da gravísima crise económica que estamos a vivir. O 20N, polo tanto, non vai ser un presidente máis o que elixirán os cidadáns. Seguramente, son as eleccións mais importantes da democracia española.

Desde o respecto absoluto por tódalas opcións democráticas e co convencemento total de que só as decisións do pobo lexitiman a un goberno, “A desalambrar” chama a un exercicio serio e esixente do poder democrático que recae sobre a cidadanía. Votar é un dereito irrenunciable, pero tamén é un compromiso moral co resto dos cidadáns. O compromiso, hoxe, é identificar e sacar do poder aos dirixentes que nos levaron á depresión económica. Non esquezamos que teñen pensado continuar na mesma liña.
Desde os anos 80, en España o poder está controlado polos dous partidos maioritarios. Sendo diferentes, teñen en común, sorprendentemente, a política económica. O modelo económico español, ladrillo+crédito+servizos, implantouse co presidente González, foi perfeccionado polo presidente Aznar e culminado polo presidente Rodríguez Zapatero. Aconteceu o mesmo en Grecia, Portugal, Irlanda, Italia...e os que veñen atrás.

As cousas, cando van mal, tenden a ir peor. É necesario invertir a dinámica para evitar unha degradación maior das nosas comunidades. Todos vemos os síntomas dese deterioro e os partidos maioritarios están a aplicar políticas que amplificarán eses problemas.

O 20N, os españois non só elixirán un parlamento, tamén decidirán en que tipo de estado van a vivir no futuro. E cando se trata de enfrontar situacións difíciles que afectan a grupos, a experiencia e o sentido común mostran que canta máis xente e sensibilidades diferentes participen na resolución dos problemas máis fácil é atopar solucións.
“A desalambrar” denuncia a desmantelación do estado de benestar que está a ocorrer nestes momentos coa escusa da crise económica. A crise que estamos a sufrir é de orixe privada pois a débeda pertence aos bancos, ás grandes empresas do sector inmobiliario e aos particulares hipotecados. E os grandes partidos, aqueles que receben o apoio maioritario, ofrecen como única saída o rescate do gran capital (nacionalización das débedas) a conta dos impostos dos traballadores e as pequenas empresas.

No 20N, a cidadanía enfróntase a un exame de conciencia. Despois de 30 anos de democracia e unha devastadora crise social e económica, chega o momento de escoller en que tipo de mundo queremos vivir. Podemos seguir na liña actual de capitalismo financeiro especulativo onde o goberno está controlado polas elites económicas ou, recuperando o espírito da creación da Unión Europea, apostar por unha política plural que represente os intereses de todos os cidadáns.
O 20N, que o voto sexa digno dos esforzos e sacrificios que as persoas realizamos a diario para sacar a diante as nosas vidas. Bendita democracia.